Introdución
A Feira do Viño de Valdeorras acada, neste ano 2025, a súa vixésima sexta edición. Para promocionar o foro cómpre contar cun cartaz ilustrativo orixinal, motivo polo cal o Consello Regulador decide convocar un concurso aberto a todos os interesados en participar. O cartaz debe por en valor dun xeito gráfico o “saber facer único” do sector vitivinícola desta comarca ourensá, que leva séculos elaborando tintos e brancos dunha altísima calidade.
Participación
A participación está aberta a todos os interesados, proveñan ou non do ámbito artístico. A única condición indispensable é a de que o material presentado sexa inédito. Cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas distintas.
Formato
O tamaño do orixinal será de 43 x 63 centímetros en posición vertical
Presentación e entrega
Os carteis han presentarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp). A proposta enviarase por email á seguinte dirección de correo electrónico: comunicacion@dovaldeorras.com
Indicarase nome e apelidos, enderezo e número de teléfono do autor. A data límite de recepción finaliza ás 12:00 horas do día 24 de abril de 2025.
Texto
A proposta gráfica deberá conter o seguinte texto:
XXVI Feira do Viño de Valdeorras
31 de maio e 1 de xuño
Praza Ramón Otero Pedraio, Viloira
O Barco de Valdeorras
Técnica
Nas propostas poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc Os carteis deseñados en ordenador deberán ter unha resolución mínima de 300 ppp, a un tamaño real de 43 x 63 cm.
Xurado e premios
Concederase un único premio de 1.000 euros. O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do deseño, a comunicación e a arte, así como por un representante do Consello Regulador. O fallo do concurso farase público, en principio, na semana deo 28 de abril.
A obra premiada quedará en propiedade do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.
Reprodución
A organización da XXVI Feira do Viño de Valdeorras poderá efectuar cantas reproducións precisen do cartel que obteña o premio e difundilo polos medios de publicidade que estime convenientes. Durante o proceso de pre‐impresión incluiranse no cartel premiado os logotipos oficiais das entidades organizadoras e para iso contarase co asesoramento do propio autor. A organización da Feira do Viño de Valdeorras resérvase a posibilidade de realizar calquera modificación no cartel anunciador gañador, sempre que iso non supoña unha alteración substancial do mesmo e conte co permiso do autor para as ditas modificacións.
Aceptación
A participación neste concurso comporta a aceptación destas bases nas que se inclúe a entrega dunha factura polo importe do premio ao Consello Regulador da D.O. Valdeorras.