
Visitou 14 adegas da comarca para catar os seus viños, ademais doutras 54 referencias do resto de adegas asociadas á Denominación de Orixe
”En Valdeorras, podemos atopar algúns dos mellores viños brancos de España, pero tamén, tintos con moito carácter e personalidade”. Así o afirmou a prestixiosa experta internacional en viños, Beth Willard, que volveu a percorrer boa parte do territorio vitícola da comarca, para coñecer máis profundamente os seus viños e as características dos viñedos da Denominación de Orixe.
Durante dous días, xoves 27 e venres 28 de novembro, Willard visitou as instalacións de 14 adegas, onde catou as súas principais referencias, e coñeceu novos proxectos sobre o terreo.
Tamén realizou unha cata final na sede do Consello Regulador, para probar unha seleción de 54 referencias de viños brancos e tintos, do resto de adegas asociadas á D.O. Tralo traballo, Willard ten craro que “cada vez hai máis viños que falan dunha zona ou dunha parcela, ou incluso expresan o estilo dun enólogo”, algo que considera moi interesante porque “hai moitas diferenzas entre as distintas partes de Valdeorras, e para min é o que sabe máis nos viños”.
Segundo explicou, “o godello é unha variedade moi noble que se pode disfrutar moi xove, pero tamén son viños que teñen bo envellecemento; sería estupendo se, co tempo, puidéramos beber máis viños en botella de anada antiga”.
Tras a visita do ano pasado, a deste “plantexouse como un seguimento para ver a evolución dos viños”, explicou Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras. “Trátase de poder observar a súa traxectoria, e con ela, a da propia denominación de orixe, polo que seguramente as súas visitas se sigan repetindo”.
As conclusións do informe que a experta en viños prepare, a partires da información recibida en Valdeorras, formarán parte da publicación do Máster of Wine Tim Atkin. Nel, Willard falará da variedade godello, á que augura un gran futuro porque “ten a capacidade de producir viños que están entre os mellores a nivel internacional; gustaríame presentar esta cara de Valdeorras ao resto do mundo”, expresou.
Escritora da revista Decanter, Willard é tamén co-presidenta dos premios desta publicación, os Decanter World Wine Awards, ademais de membro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño. Tamén realiza regularmente, presentacións e catas de viños españois.