O único godello premiado cun Gran Bacchus de Ouro é de Valdeorras

15 Abril, 2025

A Cercada 2024, de Adegas Santa Marta S.A.T., obtén este prestixioso premio internacional, outorgado pola Unión Española de Catadores

Un viño da Denominación de Orixe Valdeorras foi o único godello que obtivo o Gran Bacchus de Ouro, o máis importante galardón que se outorga nos prestixiosos Premios Bacchus, organizados pola Unión Española de Catadores. A Cercada 2024, de Adegas Santa Marta S.A.T., convertiuse así no único da súa variedade en obter un dos máis importantes recoñecementos do sector vitivinícola a nivel internacional. Outra mostra máis de que a continua búsqueda da excelencia, que están levando a cabo os viticultores e adegueiros do Consello Regulador valdeorrés, está obtendo uns excelentes resultados.

Ademais, na categoría de Tintos, os dous únicos Bacchus de Ouro outorgados a viños galegos tamén foron a recaer en dúas referencias valdeorresas. Mencía Alan de Val 2024, de Adega Alan de Val S.A.T., e Costeira 2024, de Adega Viña Costeira SCG, foron os seleccionados.

Na sección de brancos, tamén conseguiron un Bacchus de Ouro outros dous viños valdeorreses da variedade Godello: O Luar do Sil Godello Vides de Córgomo 2022, de Adega Pago de los Capellanes S.A., e Fardelas 2024, de Adega Santa Marta S.A.T.

Premios Bacchus

Os Premios Bacchus é o único concurso recoñecido pola Organización Internacional de la Viña y el Vino (OIV), de todos os que se celebran no noso país.

De feito, non hai ningún evento que consiga reunir, durante catro xornadas, ao elenco de expertos catadores que conforma o panel de xuíces dos Premios Bacchus. Máis dun centenar son os nomes propios que engaden á súa profesionalidade e experiencia, a diversidade da súa procedencia. Xornalistas especializados, sumilleres, enólogos, Masters of Wine, Masters of Sommelier... Unha selección de luxo para evaluar e recoñecer a calidade dos viños de todo o mundo que participan.

Panel de catadores dos Premios Bacchus 2025

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.