
María José Gómez reiterou o apoio da Xunta ao sector do viño, cunha partida específica dentro da liña de axudas por perdas de produción
Unha adega da Denominación de Orixe Valdeorras recibiu hoxe a visita institucional da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, na que puxo en valor a calidade dos seus viños, reiterando o apoio da Xunta ao sector vitivinícola. Desde as instalacións da adega Santa Marta, en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, lembrou a liña específica por perdas de produción, na que se inclúe unha partida para o caso concreto do viño, que será de 12.700 euros/hectárea.
Desde a comarca máis afectada polos lumes deste pasado agosto –un 2% do total das hectáreas inscritas na denominación–, Gómez explicou que “a Xunta quere tenderlle a man aos produtores de viño desta comarca e do resto das afectadas polos incendios” porque, sinalou, “Galicia é unha potencia neste sector grazas a eles”.
Asemade, a titular de Medio Rural remarcou que o sector vive un momento clave, como é o inicio da vendima, e por iso ten aínda máis sentido a visita e o feito de reafirmar o apoio do Goberno galego a este eido produtivo tan importante no noso agro e agardou que se poida dar unha boa colleita en canto a calidade, especialmente.
A maiores, a conselleira recordou que ese respaldo ao mundo do viño tamén se concreta en axudas anuais para os viticultores e adegueiros, que neste 2025 cífranse en máis de 10 millóns de euros, contabilizando tanto as achegas para reestruturación e reconversión de viñedo como as destinadas á promoción do viño galego en mercados de terceiros países e as que apoian a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.
