A D.O. Valdeorras consegue o apoio da Deputación para poñer en marcha proxectos que exalten o enoturismo na comarca

29 Xaneiro, 2026

"O noso obxectivo é pasar das boas intencións a unha axenda concreta de accións que beneficie a todos os valdeorreses", asegurou Menor

O presidente da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, mantivo unha reunión co presidente da Deputación, Luis Menor, na visita que éste realizou á comarca na mañá deste mércores, na que reafirmou o compromiso do ente ao que representa, coa viticultura e o enoturismo.  

"O noso obxectivo é pasar das boas intencións a unha axenda concreta de accións que beneficie a todos os valdeorreses", asegurou Menor ao peche dunha xornada que tivo lugar na sede da Deputación, na Casa Grande de Viloira, recalcando que os sectores produtivos desta comarca son absolutamente estratéxicos para a institución provincial, tales como a viticultura e a lousa, principalmente.

Precisamente, Prada Ginzo aproveitou a ocasión para expoñer o xerme do que será “un proxecto conxunto que busca reforzar a marca Valdeorras a través dos dous pilares máis importantes da comarca, a lousa e o viño”, para o que “estamos buscando a colaboración da Deputación”, apuntou. De Menor, obtivo o compromiso de apoio ao proxecto “no que aínda estamos comezando a avanzar”. Para o presidente da D.O. Valdeorras, non hai outro xeito de medrar, “nós somos os que temos que estar unidos”, explicou, en referencia ao ente vitivinícola que representa e ao Clúster da Pizarra de Galicia.

“Sen dúbida ningunha, á Deputación correspóndelle colaborar para concretar accións que teñen un gran retorno, algo que está máis que contrastado. En definitiva, desde a institución provincial adoptamos acordos concretos para potenciar un sector estratéxico como é o da viticultura co seu produto estrela que é o Godello”, salientou Menor.

Precisamente, explicou que o viño en Valdeorras “non é só agricultura, é política de territorio. Cada hectárea de viñedo que coidamos activa emprego e fixa poboación no noso rural”. Por iso, a Deputación implícase directamente, a través do Inorde, nun sector que dá identidade ao pobo valdeorrés, dun xeito sostible e acorde ao territorio.

Ruta do Viño de Valdeorras

Marcos Prada Ginzo, tamén presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, presentou ao presidente da Deputación varios proxectos relacionados co enoturismo da comarca. Menor explicou que “temos no Godello un dos grandes embaixadores de Ourense no mundo, e o noso deber é poñer recursos para que a Ruta do Viño sexa o motor dun novo modelo económico para a provincia”.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.