
A fundadora da web de divulgación do viño, Spanish Wine Lover, catou un total de 72 referencias de 16 adegas amparadas
A D.O. Valdeorras acolle a visita da xornalista especializada no sector do viño, Amaya Cervera, con máis de 25 anos de experiencia, e que en 2023 recibiu o Premio Nacional á Comunicación Gastronómica.
Durante dous días, esta prestixiosa profesional, catou un total de 72 viños procedentes de 16 adegas diferentes, dos cuais 39 foron brancos e 33 tintos. Según explicou, “o interesante de Valdeorras, máis aló de modas, é ver os matices que a terra pode aportar á variedade godello” e que “o que hai que ensinar agora é a capacidade de envellecemento desta uva” para poder falar de gran viño.
Advertiu a xornalista especializada que “ás veces, tendemos a ser un pouco obsesivos cando se trata dunha variedade que destaca, como a godello”, deixando de lado outras que tamén deben terse en conta. Neste sentido, advertiu que “a comarca ten moita capacidade para elaborar tintos diferenciados” incluso para explorar variedades máis aló da mencía”.
Amaya Cervera
Licenciada en xornalismo pola Universidade de Navarra, Cervera é a fundadora e editora da web bilingüe (castelán/inglés), especializada en viños españois, www.spanishwinelover.com. Colaboradora habitual de El País Semanal, escribiu tamén para outras publicacións nacionais e internacionais como Decanter, The World of Fine Wine, Harpers Wine, Meininger’s Wine Business International, PlanetaVino, Sobremesa, Robb Report España ou Metrópoli.
Tamén foi xurado en innumerables ocasións, en competicións nacionais e internacionais de cata, como os Decanter Word Wine Awards. Na actualidade, é membro dos comités de cata de La Rioja Alta e Bodegas Lan.
Spanish Wine Lover
En 2014, Amaya Cervera funda Spanish Wine Lover (SWL). Na súa primeira década, máis de 650 artigos e 500 mencións de produtores de todo o país encheron as súas páxinas, sendo premiada como mellor plataforma online nos International Wine Challenge (IWC) Merchant Awards para España en 2017, 2018, 2019 e 2020. En 2018 tamén recibía o Premio Gourmet Fóra de Serie á Divulgación Gastronómica Online e en Redes Sociais.