A XXVII Cata consolida o excelente momento dos viños de Valdeorras coa participación de 18 adegas e 50 referencias

21 Xuño, 2026

Lagar do Cigur Godello e Joaquín Rebolledo Mencía, de Adega Melillas e Fillos, S.L. e Joaquín Rebolledo, S.A., son distinguidos como o mellor branco e o mellor tinto da última colleita

O sector vitivinícola valdeorrés volveu reunirse hoxe no Complejo Hostaleiro Paladium para celebrar a entrega de galardóns da XXVII Cata dos Viños de Valdeorras, unha cita que pon en valor o traballo desenvolvido por adegas e viticultores ao longo de cada campaña e que serve, ademais, como escaparate da calidade acadada polos viños amparados pola denominación.

A presente edición contou coa participación de 18 adegas, que concorreron ao certame cun total de 50 mostras, das cales 27 corresponderon a viños brancos e 23 a viños tintos. Os premios recoñecen as mellores elaboracións da colleita de 2025 en ambas categorías, ademais de distinguir viños procedentes doutras anadas.

Durante o acto, o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada Ginzo, destacou o elevado nivel amosado por todas as referencias presentadas e lembrou que cada unha delas é o resultado dun intenso traballo realizado tanto na viña como na adega. “Máis aló dos recoñecementos que hoxe entregamos, cada viño reflicte o compromiso dun sector que mantén como principal obxectivo a procura permanente da excelencia”, sinalou.

Prada Ginzo aproveitou a ocasión para subliñar o momento de crecemento e recoñecemento que atravesa a Denominación de Orixe Valdeorras, especialmente grazas ao posicionamento acadado pola variedade godello, convertida nun dos grandes referentes do viño branco español. Neste sentido, lembrou que Valdeorras é o territorio onde “naceu e se recuperou esta variedade, cuxa proxección continúa medrando nos mercados nacionais e internacionais”.

O presidente tamén quixo poñer en valor o traballo das 41 adegas inscritas na denominación, fundamentais para reforzar o prestixio da marca Valdeorras e para manter viva unha tradición vitivinícola estreitamente vinculada á historia e á identidade da comarca.

A cata celebrouse na xornada previa na sede do Consello Regulador e estivo dirixida por un panel internacional integrado por nove catadores de recoñecido prestixio, encargados de avaliar as mostras participantes.

Así mesmo, durante a súa intervención, Prada Ginzo destacou o papel cada vez máis relevante que desempeña o enoturismo no desenvolvemento económico e social da comarca. O crecente interese de visitantes atraídos polos viños, a paisaxe, a gastronomía e a cultura local confirma o potencial de Valdeorras como destino enoturístico.

Maria Carmen González Quintela, delegada especial para Valdeorras da Deputación Provincial de Ourense, quixo destacar a colaboración da Diputación de Ourense con todas as cuestións relacionadas co Consello Regulador “tendendo sempre a man e apostando polo enoturismo e a vitucultura, selos de identidade da nosa comarca”.

Galardón primeiro viño blanco a Lagar do Cigur Godello 2025 da Adega Melillas e Fillos.

Relación de premios

Viños blancos

  • 1º Premio: Lagar do Cigur Godello 2025 de Adega Melillas e Fillos, S.L.
  • 2º Premio: D´Berna Godello 2025 de Guitian y Blanco, S.C.
  • 3º Premio: Quinta da Peza Godello 2025 de Adega Quinta da Peza, S.L.

Viños tintos

  • 1º Premio: Joaquín Rebolledo Mencía 2025 de Joaquín Rebolledo, S.A.
  • 2º Premio: Alan de Val Mencía 2025 de Adega ALAN, S.A.T.
  • 3º Premio: Quinta da Peza Mencía 2025 de Adega Quinta da Peza, S.L.

Distincións especiais dotras anadas

Viños tintos

  • 1ª Mención Especial: Alán Escada 2023 de Adega Alan, S.A.T.
  • 2ª Mención Especial: Lagar do Cigur 2019 de Adega Melillas e Fillos, S.L.

Viños blancos

  • Mención Especial: O Luar do Sil Godello sobre lías 2024 de Pago de los Capellanes, S.A.
Galardón de primeiro viño tinto a Joaquín Rebolledo Mencía 2025 de la Bodega Joaquín Rebolledo.

Galardóns do público

Ademais dos galardóns outorgados polo xurado profesional, durante a gala tamén se entregaron os Premios do Público á mellor adega, concedidos a partir das votacións realizadas polas persoas asistentes á XXVII Feira do Viño de Valdeorras, celebrada os pasados 30 e 31 de maio.

Nesta edición, o primeiro premio foi para a adega Blare. Así mesmo, rexistrouse un empate na segunda posición, que deu lugar á concesión de dous segundos premios para as adegas Terriña e Melillas, mentres que A Cova da Xabreira recibiu o terceiro galardón.

Estes recoñecementos reflicten a excelente acollida que os viños da Denominación de Orixe Valdeorras teñen entre o público e poñen de manifesto o alto nivel das elaboracións presentadas durante a feira.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.