
Un total de 41 viños de 22 adegas amparadas, viaxaron á capital este luns para participar no evento
Un ano máis, a Denominación de Orixe Valdeorras volve da capital “con moi boas sensacións” trala súa participación este luns día 23 de marzo na Experiencia Verema Madrid, un evento ao que acudiu cun total de 41 referencias de viño, de 22 adegas diferentes amparadas polo Consello Regulador. Delas, 30 botellas de viño branco e as restantes 11, de viño tinto.
En xeral, tal e como explicou o director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, “a asistencia pagou a pena porque tivemos moi bo aforamento, con moitas visitas sobre todo de sumilleres profesionais, que foron os máis numerosos e interesados, pero tamén de distribuidores e responsables de cadeas hoteleras”.

A diferenza do anterior evento de Verema celebrado en Valencia, “este ofreceu un formato moi áxil centrado na promoción dos viños, sen actividades paralelas”, o que fixo “centrar a atención do visitante na cata de produtos nos que estaba interesado, co tempo adicado exclusivamente a iso”, apuntou Mazaira.
O Hotel Palace foi o escenario escollido pola maior comunidade online de fala hispana enfocada no mundo do viño, a gastronomía e o enoturismo, para a celebración da súa XXV Experiencia Verema Madrid.
