Querer velas

8 Marzo, 2026

“Non creo que a muller non estivera no mundo do viño, é máis ben que non se nos viu”. En Valdeorras, elas sempre formaron parte da súa viticultura. Ao lado do home, en moitos casos, elas non puideron podar ou descargar o camión, pero a súa labor representou un pilar fundamental no proceso de elaboración do viño nesta zona.

A frase, é de Cecilia Fernández, enóloga por vocación, que creceu ao lado das cepas dun viñedo familiar, e que cree que por fin “algo está cambiando” cando “se descubriu que nós tamén facemos as cousas ben”.

Cecilia Fernández é enóloga e xerente dunha consultoría enolóxica na Rúa.

Da mesma opinión é Andrea Arias, viticultora despois de arquitecta, porque non concibe outra opción que atender as viñas que seu pai, avó e bisavó, traballaron na Rúa cando ela era unha nena. “Se as deixo, é como se me sacaran un brazo; todas as fotos que teño de nena son co meu avó e unha carretilla”, conta. Para ela, a sociedade segue pensando nalgúns traballos “cunha perspectiva de xénero obsoleta”.

Explica Andrea que o seu traballo non depende tanto, como sempre se entendeu, das capacidades físicas que posúas, como da capacidade que cada un teña de organizarse e estructurar os tempos. Isto debe ir unido “á túa forma de facer as cousas” na que debes confiar, porque “se pouco paso dos 50 kilos de peso e do metro e medio de estatura, non podo pensar en cargar unha mochila de sulfatar, prefiro acudir ao meu carriño, do que moitos se teñen rido e que así e todo, algún empeza a copiar”.

Andrea Arias é arquitecta e viticultora.

É certo que a mecanización axudou e moito na viña, á vez que favoreceu o acceso a máis mulleres ao viñedo. Aínda que algunhas delas teñan que esquivar miradas masculinas de incredulidade cando quen desbroza ou planifica é unha muller.

Ata optar por non mercar o viño, se está feito por unha man feminina. Sen ter en conta nin formación, nin experiencia, nin valía, “díxolle ao meu pai que se eu facía o viño, non o ía mercar”. Cecilia di que poucas foros as experiencias desagradables na súa vida laboral, pero esta, por tratarse dunha persoa cercana á familia, aínda lle doeu máis.

Afortunadamente, ningunha das ningunha das dúas rendiuse, como non o fixo tampouco Mari Carmen Guitián. Hoxe unha institución na viticultura valdeorresa, Mari Carmen fala da súa vida de esforzo e traballo incansable restando importancia ao seu labor na empresa. Na súa boca, sempre presentes os seus dous irmáns, Ramón – falecido a finais de 1996 – e Senén, a quenes se refiere instintivamente cando se trata de enumerar méritos.

“Eu non puiden estudar, non había”, conta, “aprendino todo deles”. Senén, non obstante, afirma que “ela é a que manda”. E recoñece unha organización e practicidade, que “o home non ten”. Algo do que tamén se percatou Cecilia, que trata “de rodearse de mulleres na súa empresa” porque “a maneira diferente que temos de ver as cousas fai que funcionemos moito mellor de forma autónoma e autosuficiente”.

Mari Carmen Guitián é xerente dunha adega en Rubiá.

E é que, todas elas, volverían á viña se tiveran que elexila de novo, porque di Andrea desde un despacho de arquitectura en Madrid, “non coñezo outra cousa que proporcione o mesmo nivel de satisfacción”. Un sentimento que permanece “como parte dun mesmo”, apoiado nas lembranzas dunha infancia en conexión coa terra.

Quizáis por esa razón, Cecilia se cuestione agora se realmente está transmitindo á súa filla “o verdadeiro valor do viño como mo transmitiron a min”, como “algo que acompañou sempre as nosas vidas, mientres pisaba as uvas, usaba a prensa ou seguía ao meu pai á adega onde sempre me gustou ir”.

O certo é que, despois de todo, para velas, non había máis que querelas ver, cada unha a súa maneira, nun mundo onde a paixón igualou calqueira diferenza de xénero que algún aínda se resista a facer. Porque a terra as chama a gritos, e a algunhas, como a Andrea, as fai regresar cada pouco desde a capital para reclamarlle os seus coidados; a outras, como a Cecilia, as convence para que empleen o seu tempo en asegurarse de que todos teñan a punto o viño na súa mesa; e ás máis veteranas, como a Mari Carmen, lles pide que lle adiquen a súa vida enteira.

Agradecementos:

A Mari Carmen Guitián, adegueira á fronte de Bodega A Tapada, Rubiá.

A Cecilia Fernández, enóloga e xerente de Cecilia Fernández, Consultoría enológica – Tienda de Vinos, A Rúa.

A Andrea Arias, viticultora de, polo menos, cuarta xeración.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.