Volve "Petiscos con D.O. Valdeorras"

21 Maio, 2026

Trátase dunha iniciativa conxunta da Denominación de Orixe e AEVA que combina gastronomía, viño e participación hostaleira.

O paseo do Malecón do Barco de Valdeorras albergou esta mañá a presentación oficial da Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, denominada “Petiscos con D.O. Valdeorras”, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras en colaboración coa Asociación Empresarial Valdeorras, AEVA.

Do 26 ao 29 de maior, un total de 9 locais do Barco e A Rúa participarán nesta iniciativa gastronómica na que ofrecerán, entre as 19:00 e as 20:00 horas (ou ata fin de existencias) suculentos pinchos elaborados con viños amparados pola Denominación de Orixe de Valdeorras. Cada proposta poderá degustarse ao prezo popular de 3 euros.

No acto de presentación participou a secretaria do Consello Regulador, Patricia de Andrés Vales, e o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Carlos Manuel Terán.

Terán quixo agradecer de maneira especial aos hostaleiros e á Denominación de Orixe a súa colaboración nesta actividade, destacando o esforzo conxunto que sacala adiante. Ademais, salientou a importancia de seguir traballando en colaboración co sector para poñer en valor os produtos locais.

Finalmente, quixo “animar a toda a cidadanía e ás persoas visitantes a participar activamente, a gozar dos nosos viños e da nosa gastronomía”.

Pola súa banda, Patricia de Andrés sinalou que “as cinco edicións anteriores foron un éxito, e estamos seguros de que esta tamén o será”, destacando a elaboración coidada dos petiscos e a súa perfecta harmonía cos viños de Valdeorras.

Tamén quixo salientar o notable éxito das actividades gastronómicas da Feira do Viño, cuxas prazas se esgotaron en moi poucos días, poñendo de manifesto o crecente interese do público “tanto pola programación proposta como polos nosos viños e produtos de proximidade”.

Pasaporte de pinchos

Os participantes poderán facerse cun “Pasaporte de Petiscos”, que terán que selar nos locais onde consuman cada pincho. Unha vez completados os catro selos necesarios, poderán depositalo nas urnas habilitadas nos locais adheridos para entrar no sorteo que terá lugar durante a clausura da XXVII Feira do Viño, na tarde do domingo 31.

Un lote de viños de adegas participantes na Feira, unha cea para dous persoas, maridada con viños de Valdeorras e dous visitas a adegas, para dous persoas, con cata incluída, serán os premios para aqueles que consigan completar a Ruta.

Os establecementos participantes recibirán un recoñecemento especial durante a Feira, así como un certificado de participación na iniciativa e material de promoción identificativo. Ademais, contarán cun adhesivo ou distintivo acreditativo como “Establecemento con Viño D.O.”, co obxectivo de dar visibilidade a súa implicación coa iniciativa e a promoción dos viños con Denominación de Orixe Valdeorras.

Establecementos participantes

  • Café Bar Zig Zag
  • Pazo do Castro
  • Restaurante Pepa
  • O Retorno
  • La Fábrica
  • Piquiño Restaurante SL
  • Veirasil
  • Skandalo
  • Taberna Buraco

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.