Un branco de Valdeorras, elixido mellor godello da colleita 2025 nos Premios Baco

4 Xuño, 2026

25 referencias valdeorresas foron recoñecidas na última edición destes galardóns, cuxos resultados veñen de coñecerse

Un viño da D.O. Valdeorras vén de ser recoñecido como o mellor godello da colleita 2025 na 40ª edición dos Premios Baco, cuxos resultados acaban de facerse públicos. Trátase de Joaquín Rebolledo Godello 2025, elaborado pola adega homónima con sede na Rúa, que obtivo o Gran Baco de Ouro ao Mellor Godello de España, unha das máximas distincións outorgadas pola Unión Española de Catadores (UEC), entidade organizadora desta convocatoria.

Ademais deste recoñecemento, outro viño da denominación acadou tamén un Gran Baco de Ouro, a máxima categoría dos galardóns. Trátase de Godello Guitián sobre Lías 2025, elaborado por Bodegas La Tapada S.A.T., emprazada en Rubiá, o que confirma o excelente nivel dos viños brancos de Valdeorras e o prestixio alcanzado pola variedade godello.

Entre os Bacos de Ouro 2025, a D.O. Valdeorras acadou un total de 12 viños premiados. Os viños distinguidos foron A Coroa 2025, da Adega A Coroa S.A.T; Viño Branco Godello Ruchel 2025, de Bodegas Ruchel S.L.; Godello en Lágrimas Bancales de Olivedo 2025, de Bodegas Sampayolo S.L.; Viñaredo Mencía 2025, de Bodegas Santa Marta; Hacienda Ucediños Godello 2025, de Hacienda Ucediños S.L.; El Confidente 2025, de HGA Bodegas y Viñedos de Altura; Joaquín Rebolledo Mencía 2025, de Joaquín Rebolledo S.A.; O Luar do Sil Godello 2025, de O Luar do Sil (Pago de los Capellanes S.A.); Quinta da Peza Mencía 2025, de Quinta da Peza S.L.; Louro do Bolo 2025, de Rafael Palacios S.L.U.;

Doutra banda, na categoría dos Bacos de Prata 2025, recoñecéronse 11 viños valdeorreses. Os galardoados foron Cepado Godello 2025, da Adega Cepado; Godello O 2025, de Adega Ponte da Boga S.L.; Alan de Val Godello 2025, de Alan de Val; Roandi Godello 2025, de Bodega Roandi S.L.; Godello Sampayolo Sobre Lías 2025 e Garnacha Vella Chaira do Ramiriño 2025, ambos os dous de Bodegas Sampayolo S.L.; Cercada 2025, Viñaredo Godello 2025 e Fardelas 2025, os tres elaborados por Bodegas Santa Marta; A Milagrosa 2025, de Germán Rodríguez Prada; e D'Berna Godello 2025, de Guitián y Blanco S.C.

Para o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, “os 25 recoñecementos acadados por referencias da comarca nos Premios Baco volven poñer de manifesto a excelente saúde da que goza o sector vitivinícola valdeorrés, cun claro protagonismo da variedade godello, pero tamén cunha notable presenza de elaboracións tintas”.

Sobre os Premios Baco

Os Premios Baco 2025, organizados pola Unión Española de Catadores (UEC), constitúen o certame de referencia dos viños novos en España e o único concurso de ámbito estatal dedicado exclusivamente aos viños da colleita máis recente. Cunha traxectoria de catro décadas, esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor a calidade, a diversidade e a personalidade dos viños elaborados en disintos territorios vitivinícolas do país, converténdose nun dos escaparates máis relevantes para os viños novos españois.

O prestixio destes galardóns susténtase no rigor do seu sistema de avaliación, baseado en catas cegas realizadas por un xurado integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito vitivinícola. Enólogos, sumilleres, xornalistas especializados e outros expertos do sector participan na valoración das mostras presentadas, garantindo a máxima obxectividade e independencia na concesión dos premios. Deste xeito, os Grandes Bacos de Ouro, Bacos de Ouro e Bacos de Prata constitúen hoxe un importante recoñecemento á excelencia e ao traballo das adegas participantes.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.