Unha adega de Valdeorras, exemplo de modelo enoturístico

30 Xullo, 2025

Alfonso Rueda, Xosé Manuel Merelles, María Jesús Lorenzana e Marcos Prada, brindan cos alcaldes e alcaldesas de Larouco, A Veiga, Petín, A Rúa, O Barco e Carballeda de Valdeorras.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visita Adega Terriña, do Grupo Méndez-Rojo Familia Bodeguera, un dos 53 proxectos beneficiarios das axudas da Xunta

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, visitaron hoxe as instalacións en Carballal (Petín) da Adega Terriña, do Grupo Méndez-Rojo Familia Bodeguera, como exemplo de modelo enoturístico polo que aposta o Goberno galego, definido pola súa sustentabilidade, competitividade e vinculación coa identidade propia de Galicia: “Quen veña aquí ten a combinación perfecta: proba un viño magnífico e ademais pode desfrutar das paisaxes destes concellos”, remarcou o presidente.

A adega valdeorresa forma parte dos 53 proxectos beneficiarios das axudas da Xunta para iniciativas enoturísticas, cun investimento global de 5,5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation.

O titular do Executivo autonómico aproveitou a ocasión para anunciar unha nova liña de axudas “dotada con 3,5 millóns de euros”, que se convocará no último trimestre do ano, destinada a promover a mobilidade sostible (apoio á compra de bicicletas, patinetes eléctricos, instalación de puntos de recarga, etc.): “Moita da xente que vén aquí demanda eses servizos; a achega servirá para axudar ás adegas para poder ofrecelos”, destacou.  

O proxecto valdeorrés

Á súa chegada a Petín, o presidente do Goberno galego e o titular de Turismo, foron recibidos polo CEO do Grupo Méndez-Rojo Familia Bodeguera, Juan Luis Méndez Rojo, acompañado do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo.

Na súa intervención, Juan Luis Méndez agradeceu a “axuda da Axencia de Turismo” que lles permitiu desenvolver “o proxecto sólido no que seguimos traballando”, para o que “estar en Valdeorras é básico” porque “nos está abrindo portas no mercado nacional e, pouco a pouco, no internacional”. Segundo explicou, nas tres adegas que conforman o grupo, “temos unha aposta clara porque sexan visitables”, polo que as axudas lles permitiron implementar melloras como “unha nova sala de cata, unha zona de eventos, sinalización dixital, etc..

Pola súa banda, Raquel María Bautista, alcaldesa de Petín, destacou “o lugar privilexiado” escollido pola empresa para situar a adega, e agradeceu aos seus responsables o seu compromiso ca terra “que tantos logros lles está dando”.  

Tamén estiveron presentes no acto, os alcaldes dos outros oito concellos que conforman a comarca valdeorresa, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal.  

De esquerda a dereita: Marcos Prada, Xosé Manuel Merelles, Alfonso Rueda e José Luis Méndez.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.