A campaña, iniciada o 13 de agosto, finaliza cunha produción lixeiramente superior á do ano pasado, un excelente estado sanitario da uva e uns primeiros mostos que apuntan a unha anada de gran calidade.
A Denominación de Orixe Valdeorras pon hoxe o punto final á vendima máis temperá da súa historia. O peche da campaña tivo lugar nunha parcela de Godello de Bodega Rafael Palacios, situada en Santa Cruz (O Bolo), onde se recolleron as últimas uvas desta histórica vendima.
Pola súa banda, a vendima das variedades tintas xa rematara este sábado, coa recollida das últimas uvas de Mencía nunha parcela situada no municipio de Rubiá, destinadas a Bodega Avancia.
A campaña, que comezou o pasado 13 de agosto, desenvolveuse de maneira escalonada nas distintas zonas da denominación e permitiu alcanzar unha produción de 8,1 millóns de quilos de uva, superando as previsións iniciais do Consello Regulador. A evolución da vendima estivo marcada polo bo estado sanitario da uva, unhas condicións meteorolóxicas favorables durante boa parte da campaña e uns primeiros mostos que apuntan a uns parámetros de calidade destacados.
O director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, realiza unha valoración moi positiva da campaña e destaca que a produción final superou as previsións iniciais. “Partiamos dunha estimación de entre 8 e 8,5 millóns de quilos e finalmente alcanzamos os 8,1 millóns. Superar a barreira dos oito millóns é unha cifra importante para a nosa denominación de orixe”, sinala.
Mazaira destaca especialmente as boas condicións meteorolóxicas e o estado sanitario da uva, factores que contribuíron ao resultado da campaña. “As choivas foron moi beneficiosas para alcanzar estes niveis de produción e a uva presenta unha calidade excelente, tanto desde o punto de vista sanitario como no relativo ao grao alcohólico e á madurez”, explica.
O feito de que esta fose unha das vendimas máis temperás da historia de Valdeorras permite, ademais, dispoñer xa dos primeiros mostos e realizar unha valoración inicial das súas características. “As sensacións son moi boas. Os parámetros que definen os nosos viños, como os compostos aromáticos, o equilibrio entre acidez e estrutura en boca, apuntan a unha calidade excelente”, asegura.
O director técnico do Consello Regulador pon ademais o foco no crecente peso dos viños brancos dentro da produción de Valdeorras e na súa boa acollida nos mercados. “A proporción de brancos continúa aumentando e xa representa arredor do 80 % da produción. É unha evolución que responde á demanda dos mercados e que estamos afrontando desde un crecemento sostible, a medida que os nosos viños se consolidan e son cada vez máis aceptados”, conclúe.
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada, tamén valora moi positivamente a campaña, “que se desenvolveu con normalidade e permitiu cumprir e mesmo superar as previsións iniciais”. “Estamos moi contentos co desenvolvemento da vendima. Foi tranquila e constante, o que permitiu aos nosos viticultores, adegueiros e enólogos realizar os traballos en moi boas condicións, aínda que o inicio se adiantou lixeiramente”, sinala.

Un esfuerzo conjunto
Prada destaca el esfuerzo realizado por todo el sector durante unas semanas “decisivas” para el resultado final de la cosecha. “La vendimia es uno de los momentos de mayor esfuerzo para nuestros viticultores, enólogos y bodegueros y resulta decisiva para garantizar el trabajo de todo un año. Viendo la evolución de la campaña y la calidad de las uvas que han ido entrando en las bodegas, estamos convencidos de que nos encontramos ante una añada excepcional”, asegura.
En canto á produción, o presidente do Consello Regulador subliña que se superaron as previsións mantendo o compromiso cun crecemento sostible. “Cumprimos as nosas previsións e superamos os datos do ano pasado, cun lixeiro crecemento da produción. Non buscamos disparar as cantidades, senón manter unha evolución equilibrada e sostible, sempre coa calidade como prioridade”, explica.
Prada destaca así mesmo as boas perspectivas para a comercialización dos viños da denominación de orixe. “A calidade mantense nunha liña excelente e o mercado está mostrando unha demanda importante dos nosos viños. Confiamos en poder comercializar toda a produción e mesmo pode que nalgún momento quedemos un pouco curtos para atender esa demanda”, apunta.
“Todo isto é posible grazas ao traballo e ao compromiso de quen forma parte desta denominación de orixe. Poñemos en valor o pequeno, o traballo dos nosos viticultores e adegas, para ofrecerlle ao consumidor o mellor de Valdeorras”, conclúe.
Co peche da vendima comeza agora unha nova etapa nas adegas de Valdeorras, onde os primeiros mostos irán definindo o carácter dunha anada que nace con grandes expectativas. Tras unha campaña marcada polo seu adianto histórico, o bo estado sanitario da uva e uns primeiros parámetros de calidade que apuntan a excelentes resultados, o sector afronta agora a elaboración duns viños que volverán levar a identidade de Valdeorras aos mercados.
