O Godello consolídase como emblema da denominación nos grandes escaparates enolóxicos, apostando pola promoción, a formación e o contacto directo con prescritores do sector.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras estará presente o próximo 15 de xuño na Experiencia Verema Santa Cruz de Tenerife, coa participación de 11 adegas e 17 referencias distintas, todas elas viños brancos amparados pola variedade monovarietal Godello.
Trátase dunha experiencia enolóxica dirixida tanto a profesionais do sector como ao público afeccionado ao mundo do viño, que terá lugar no Hotel Iberostar Grand Mencey en horario de 12:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:30 horas.
“Para nós é fundamental seguir abrindo novos mercados e consolidando a presenza dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras naqueles destinos cun gran potencial de crecemento. Tenerife recibe cada ano un importante volume de visitantes nacionais e internacionais, o que a converte nun escaparate estratéxico para os nosos viños. Aínda que xa contamos con referencias presentes neste mercado, o noso obxectivo é incrementar o seu coñecemento e presenza, impulsando tanto as adegas de maior tamaño como as máis pequenas para que poidan aproveitar as oportunidades que ofrece este territorio”, explica Jorge Mazaira, director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras.
Sobre a Experiencia Verema
A Experiencia Verema é un evento enolóxico de referencia que percorre distintas cidades españolas e configúrase como un showroom de viños no que adegas de todo o país presentan as súas elaboracións en formato de degustación aberta.
Trátase dun encontro que reúne profesionais do sector, como sumilleres, distribuidores, hostaleiros e medios especializados, xunto con afeccionados, que comparten un espazo de encontro no que se presentan novos viños e anadas, se celebran catas dirixidas e se fomenta o networking entre os distintos profesionais do sector, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de novas oportunidades comerciais.
No que vai de ano, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras xa participou en tres eventos promovidos por Verema nas cidades de Madrid, Valencia e agora Santa Cruz de Tenerife.
Outros actos promocionais
Porén, a axenda do Consello Regulador en Santa Cruz de Tenerife non se limitará a este evento. Durante os días martes 16 e mércores 17, os viños de Valdeorras estarán presentes nun túnel do viño e nunha actividade organizada pola WSET.
Mentres que a Experiencia Verema está dirixida a un público amplo e diverso, o túnel do viño permitirá un contacto máis directo con restauradores, hostaleiros e influencers especializados, favorecendo así a prescrición e a visibilidade no sector. Pola súa banda, o evento da WSET reunirá participantes cun alto nivel de coñecemento e formación no ámbito do viño, o que supón unha oportunidade estratéxica para o posicionamento da denominación en contornas de máxima especialización.
Ambas as sesións contarán coa participación do director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras, Jorge Mazaira, quen sinala que “queremos que Valdeorras se consolide como unha das denominacións de referencia en Galicia, reforzando o seu recoñecemento en mercados nacionais e internacionais e entre os profesionais do sector”.