Xa podes anotarte á cata e ao "showcooking" da XXVII Feira do Viño de Valdeorras

14 Maio, 2026

Durante esta edición, a Feira contará cunha proposta gastronómica única para descubrir novos sabores e vivir unha experiencia enogastronómica de primeiro nivel. Así, a tarde-noite do sábado, tódalas persoas que o desexen poderán gozar dunha cata maridada e dun showcooking dirixidos polo prestixioso chef galego José Manuel Mallón.

A iniciativa dará comezo ás 20, 00 horas cunha cata de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, maridada con produtos de cinco empresas galegas que estarán presentes na feira con postos amparados baixo o selo “Artesanía Alimentaria”, marca de calidade da Xunta de Galicia.

A partir das 21.30 horas, o chef José Manuel Mallón, responsable do Espazo Gastronómico Remollo, en Ames, e de Finca Casa Barqueiro, en Negreira, será o encargado de conducir un showcooking, no que o público poderá degustar diferentes elaboracións gastronómicas creadas a partir de produtos galegos de calidade.

Imaxe de Xosé Manuel Mallón no showxooking do pasado ano

As inscricións para participar nas actividades gastronómicas da Feira do Viño xa están abertas.

Entre as propostas do menú figuran pratos como polbo sobre pataca de Galicia allada, empanada de millo con lacón e grelos de Galicia, tataki de tenreira galega con tomate seco e alfábega fresca, blinis de avea con relish de remolacha e xarda ou bica de castaña con marmelada de cabaza e crocante de San Simón.

Ambas actividades terán lugar nas haimas situadas á beira do río, un espazo acondicionado para a ocasión no que os asistentes poderán gozar dunha experiencia gastronómica única nun ambiente privilexiado.

O prezo da cata maridada será de 15 euros, mentres que as persoas interesadas en participar no showcooking deberán abonar 20 euros.

As inscricións xa poden formalizarse a través do teléfono 988 09 39 34, en horario de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas, de luns a venres, ou ben mediante o correo electrónico comunicacion@dovaldeorras.com.

Recordamos que o aforo é limitado.

Es maior de idade?

O contido da web de D.O. Valdeorras diríxese unicamente a persoas maiores de idade.